EN RELACIÓN Á MANIFESTACIÓN CELEBRADA HOXE EN LALÍN CIFRAMOS A ASISTENCIA EN ARREDOR DE 3500 PERSOAS.
VALORAMOS MOI POSITIVAMENTE ESTE FEITO TENDO EN CONTA O MOMENTO ACTUAL ENTORNO Á CUESTIÓN DA INSTALACIÓN DA SOGAMA-2, CARACTERIZADO POLO “SILENCIO” OFICIAL. CONSIDERAMOS COA REPOSTA CIDADÁ OBTIDA HOXE ESTAMOS LEXITIMADOS PARA SEGUIR A PROMOVER ACCIÓNS QUE TEÑAN COMA RESULTADO QUE A XUNTA DE GALICIA DESISTA DO PROXECTO QUE FOI ANUNCIADO OFICIALMENTE EN DECEMBRO DE 2011 POLO CONSELLEIRO AGUSTÍN HERNÁNDEZ.
DAMOS UNHA VEZ MÁIS ÁS GRAZAS A TODAS AS ASOCIACIÓNS E ORGANIZACIÓNS QUE SECUNDARON A MANIFESTACIÓN E QUE NOS VEÑEN ACOMPAÑANDO AO LONGO DESTE CAMIÑO.
| Coordinadora Veciñal do Irixo en contra da Incineradora |
| Plataforma INCINDERADORA NON do CARBALLIÑO |
| PLATAFORMA GALEGA CONTRA A INCINERACIÓN |
En segundo lugar, e no plano estritamente comarcal
| Cooperativa HOXE |
| QUEREMOS GALEGO |
| ASOCIACIÓN VECIÑAL “A NOSA ESCOLA” DE SOUTOLONGO |
| Asociación VELLO DOS CORNOS |
| UXT |
| FORO CULTIVOS CULTURAIS |
| GALIZA NOVA |
| O NARANXO |
| GRUPO DE CONSUMO TARABELA |
| ADELLIS |
| FRUGA |
| BNG |
| PSOE-PSdeG |
| EQUO |
| UUAA (Unións Agrarias) |
| CIG |
| UXT |
| ASOCIACIÓN ECOLOXISTA VILAU GARRIDO |
| PARTIDO GALEGUISTA DEMOCRÁTICO |
| ATENEO GALEGUISTA DE LALÍN |
| Asociación Cultural MANUEL FERREIRO |
| SLG |
| ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VILATUXE |
| ASOCIACIÓN MONTES VIVOS |
| XUVENTUDES SOCIALISTAS |
A CONTINUACIÓN APÓRTANSE OS MANIFESTOS QUE FORON LIDOS COMO COLOFÓN DO ACTO:
-MANIFESTO POR UNHA NOVA POLÍTICA DE RESIDUOS SEN INCINERACIÓN: Descárgao en
.
Os aquí presentes entendemos que as políticas de xestión dos residuos afectan ás nosas vidas de forma directa: A xestión inadecuada dos residuos, xerados en cantidades crecentes, contamina a atmosfera, o solo e as augas, causa o desbaldimento de enerxía e materias primas, deteriora a paisaxe, provoca enfermidades, destrúe emprego … Consecuencias ben coñecidas no noso país, onde despois de 12 anos con SOGAMA, estamos lonxe de aplicar solucións compatibles coa protección do ambiente e co uso racional dos recursos, sendo imprescindíbel un cambio de orientación.
Os poderes públicos deberían promover solucións non nocivas para a saúde, respectuosas co ambiente e compatíbeis co uso racional e sustentábel dos recursos. O actual modelo, baseado na incineración, supón un obstáculo para o establecemento dunha estratexia baseada nos 3 “R” (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Polo tanto, rexeitamos a incineración como sistema para o tratamento dos residuos porque:
É contraria á lexislación europea, estatal e galega: O modelo SOGAMA subverte a prioridade na xerarquía de tratamento, primando a incineración fronte á redución, a reciclaxe e a compostaxe. Ademais, fomenta o aumento de lixo en troques de reducilo e dificulta a reciclaxe.
É perigosa para a saúde: aumenta a toxicidade dos residuos ao producir substancias (dioxinas, furanos, PCBs, metais pesados, partículas …) perigosas que pasan ao aire, a auga e as terras. Estas instalacións, mesmo coa tecnoloxía máis avanzada, non garanten unha emisión cero, polo que incumpren o Principio de Precaución e o de Mínima Exposición ao existiren tecnoloxías alternativas máis limpas e inocuas.
É insustentable ambientalmente: desperdícianse materias primas contidas nos residuos, incrementa a súa perigosidade ambiental e non reduce a necesidade de vertedoiros. É tamén unha das fontes máis importantes de emisión de gases de efecto invernadoiro. As emisións sólidas, líquidas e gasosas contaminan o medio, as terras de cultivo e os alimentos producidos quilómetros arredor das incineradoras. Estas requiren ademais de macrovertedoiros nos que depositar os refugallos non tratados e doutros especiais para os residuos tóxicos e perigosos xerados (cinsas, lixiviados, etc.).
É fraude, ruína económica e exemplo de ineficiencia: O alto custo de construción dunha incineradora (SOGAMA orzamentouse inicialmente en 143 millóns de €, e actualmente abeira os 400) e o caro do seu mantemento, acaba sendo sufragado polos concellos. A Xunta fixou un prezo político para facer menos custosa a incineración: hoxe, incinerar custa uns 120€ por tonelada, pero verter só 15€. SOGAMA cobra 60€ pero non cumpre cos concellos: pagan polo transporte e tratamento (incineración) pero a maior parte do lixo vai directamente a vertedoiro: velaí o negocio e a fraude. A isto hai que engadir a ineficiencia enerxética da queima do lixo: SOGAMA consume máis enerxía da que produce, non hai “valorización enerxética”.
É miserable na xeración de empregos: estes son absoluta e porcentualmente máis baixos que os xerados pola compostaxe. En SOGAMA traballan 91 persoas, e na planta de compostaxe de Lousame 150. SOGAMA xera por cada 100.000 toneladas 14 empregos; a planta do Barbanza ten 150 para 34.000 Tm/ano (para 100.000 Tm, xeraría 438 postos de traballo) PERO É QUE as incineradoras destrúen emprego: na agricultura, gandería, turismo, termalismo … sectores prexudicados polo impacto ambiental das emisións. Considerando o orzamento da incineradora do Irixo (200 millóns de €) e os presuntos empregos creados (200), resulta un investimento de 1 millón de € por posto de traballo.
É posible outro modelo de xestión de residuos e deben promoverse outros sistemas baseados na xerarquía de tratamento que marca a directiva de residuos, orientados á redución, á reutilización, á reciclaxe e á compostaxe. Por iso propoñemos:
Fomentar a participación activa da cidadanía: O éxito dun sistema de xestión depende da colaboración e da participación real da cidadanía. Non abonda estar informado senón tamén participar activamente no proceso dende o inicio, achegando propostas, avaliando resultados e contribuíndo a solucionar os problemas que xurdan.
Priorizar a redución en orixe e a reutilización, fomentando a cultura do “residuo 0”. Os obxectivos de prevención deben superar a redución do 10% con respecto aos niveis de 1990 comprometido no actual Plano de Residuos para 2020. Propostas útiles serían: a prohibición das bolsas dun só uso, medidas fiscais que penalicen o sobreenvasado e a xeración de envases perigosos e custosos de reciclar, a implantación de sistemas de devolución, depósito e retorno (SDDR), a educación ambiental e a prevención de residuos a nivel domiciliario, o fomento da venda a granel no comercio, …
Potenciar novos modelos de recollida selectiva: unha separación en orixe dos distintos compoñentes do lixo, en especial da materia orgánica, baseada no sistema “húmido/seco” fronte o actual modelo da “bolsa negra”, así como aplicar a recollida selectiva porta a porta que permitirían acadar niveis de recuperación material de até o 90%.
Converter a compostaxe no motor principal da redución: Co 50% de materia orgánica en cada bolsa do lixo, a compostaxe doméstica, comunitaria, comarcal e descentralizada debe ser o principal sistema para reducir a cantidade dos residuos a tratar no sistema público e converter os residuos orgánicos en fertilizante natural para o agro e os montes galegos, devolvendo os nutrintes e a fertilidade á terra.
Desenvolver industrias da reciclaxe para o non compostable: vidro, metais e papel-cartón e así aproveitar a maior cantidade da fracción resto alén do raquítico 6,8% de valorización material de SOGAMA, aproximándonos ao obxectivo do 50% que fixa a directiva para 2020.
Establecer un sistema descentralizado de xestión que minimice o desperdicio enerxético e o custo do transporte de residuos e implante a lóxica e a obriga legal (Principio de Proximidade) de tratar o residuo onde se produce.
Os aquí presentes acreditamos na necesidade dunha nova cultura na xestión dos residuos que permita velos como recursos e non como problema: os residuos poden converterse nunha fonte de fertilidade para a terra e unha ferramenta para a conservación dun ambiente saudable. Poden xerar emprego e impulsar unha economía máis ecolóxica e respectuosa cos recursos naturais do país.
NON Á INCINERACIÓN, SI Á RECICLAXE
-MANIFESTO: «UNHA PANTASMA PERCORRE GALIZA»
(Tamara García Rodríguez – Presidenta da Asociación Medioambiental Incineradora no Deza Non). Descárgao en
.
Unha pantasma percorre o Deza e Galiza enteira, é a Pantasma da Incineradora, que se coa polas rúas, as hortas, as estradas…. Hoxe, aquí, agora, tócanos a nós combatela. Dende a lingua que nos é propia, e erguendo a voz tanto como sexa necesario, hannos oír! Hoxe tócanos a nós estar aquí, defendendo a nosa terra como noutro tempo a defenderon os veciños da nosa comarca, para que hoxe nós poidamos seguir vivindo nela.
E se hoxe podemos gozar dela é porque temos a obriga de protexela. Mais nunca contamos cun inimigo tan forte coma nesta ocasión. Queren acabar con todo! Despois de tantos desastres medioambientais como ten sufrido a nosa Galicia, o goberno da Xunta quere implantar e impoñer a maior das aberracións nunca vista nas nosas terras. E digo quere impoñer, si, porque a instalación desta incineradora con ninguén foi consultada, perdón si, cos dirixentes de Sogama, que vaia casualidade son que van sacar todos os beneficios queimando o noso lixo e destrozando por completo os nosos montes e medios de produción.
Onde queda a defensa do medio rural que aparentemente tanto interesa á Xunta? Ou só se adican a facer políticas de marketing? Todas os produtos da nosa actividade agrícola e gandeira pasarán a comercializarse agora cun plus, con dioxinas! Se chegan a comercializarse, porque realmente quen vai mercar os nosos produtos sabendo que a escasos quilómetros hai un complexo que queima os residuos de media Galiza? Será que o alcalde de Lalín (capital do Deza) esquece que vivimos nunha comarca que se vive fundamentalmente do agro e o gando? O libre mercado do que “gozamos” será implacable con nós. Pero xa non poderemos dicir o que toda a vida dixemos en época de crise:
“Na aldea sempre hai que comer; porque somos quen de autoabastecernos coas nosas hortas e animais”
Mais agora imos ter que cambiar esa frase ancestral, unha estraña profecía pasará a cumprirse se non actuamos axiña. Todo o vento que vemos pasar pode deterse nun intre. Pero, como se sente un sabendo que poderiamos perdelo para sempre por causa dunha catástrofe deste calibre sobre as nosas terras? A sensación é a de estar inmersos nun pesadelo vertixinoso, sen saber onde imos caer.
Non estamos a falar hoxe aquí de ningunha utopía, só da loita polo que nos pertence e é noso. Temos absoluta lexitimidade para protestar e para manifestarnos en contra deste tipo de decisións que se converten nunha “negra sombra” que a todos asombra. Non queremos que por causa desta teñamos que vivir unha noite de pedra eterna. Non queremos que o capitalismo forme parte do noso organismo e nos converta a todos en máquinas. Non somos robots, nin imos permitir que nos fagan vivir nunha sociedade Kafquiana. Con todo o noso dereito para cuestionar e frear ataques e decisións que nos prexudican a todos como pobo, farémolo! É iso o que hoxe estamos demostrando aquí! Non temos porque irnos do noso país, e ninguén ten máis dereito ca nós a gozar del. Entón, como pretende o goberno da Xunta que apoiemos unha decisión que rematará coa nosa propia autodestrucción?
Estamos nunha nova época, nunha sociedade onde os pobos teñen dereito a decidir, porque a nós non nolo dan? Cal é a escusa desta vez? Non queremos volver aos tempos doutrora e ter que dicir “Adios ríos, adiós fontes, adios regatos pequenos, adios vista dos meus ollos, non sei cando non veremos….” Pois imos seguir a velos tódolos días, porque non van poder con nos, xuntos somos invencíbeis. A terra onde me eu criei, ao igual ca vosa chámanos a todos para que actuemos. E nós acudimos e acudiremos á chamada actuando, apoiándonos nos feitos e nas nosas poderosas verbas xa que tamén “a lingua é o noso escudo”.
O vento de hoxe trae aires de cambio, pero o que non queremos e que traia fume. Os nosos chourizos xa os afumamos nos, o que non queremos e que nos afumen a nós. Estaremos culminando cada berro coas nosas voces, non imos calar, por moito que nos siga o goberno e a propia empresa Sogama a ocultar información. Na terra onde chove todo o ano, estaremos agardando, escampe ou non, para seguir atacando! É xa hora de erguer as nosas voces oprimidas e estendelas polo noso país, o xerme da revolución está hoxe aquí. Esixindo o noso dereito a decidir, recordándolles que todas as persoas temos dignidade, que esta non ben dada polo poder económico capitalista, e como tales temos dereito a unha vida digna e a respirar o noso aire, non fume de lixo queimado!
Os rumorosos están a falar de novo e din que o pobo unido xamais será vencido!
só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
LALÍN, 22 DE ABRIL DE 2012.
ASISTE E DIFUNDE… O DOMINGO 22 DE ABRIL IMOS ENCHER AS RÚAS DE LALÍN…
CONTRA A INCINERACIÓN E EN CELEBRACIÓN DO DÍA DA TERRA…
INCINERADORA NON… NIN NO DEZA, NIN EN NINGURES!!!!
O domingo estamos convocad@s en Lalín a manifestarnos contra a instalación dunha incineradora de lixo en O Irixo (ou en calquera outro lugar próximo á comarca). Noutras circunstancias un tipo danés non sabía que facer. Pode que moit@s de vos esteades na mesma, vou ou non vou á manifestación do domingo? Estará mal día, que pinto aí, en política non me quero meter, teño cousas máis importantes que facer, xa irán outr@s por min, que manifestación ho.
Incluso moit@s d@s que xa dixeron que non pensan ir (ou non lles deixan) teñen moi claro que o da incineradora vai supor unha auténtica desfeita para as nosas vidas e as nosas facendas. Por que non o din máis claro é cuestión escura que non da tempo de desenfiar; el@s verán.
O máis que apuntaron neste tempo é que o lixo existe e que algo hai que facer con el, resignad@s unha vez máis a aturar outra nos dentes, para el@s e para nos tod@s. Podíaselles ocorrer que é perfectamente posible investigar e incentivar outros métodos e tecnoloxías. Digan o que digan, é o camiño sensato, o utilizado en países aos que sempre nos quixemos parecer; non por envexa ou complexo de inferioridade: viven mellor que nós, aproveitan mellor a vida que se nos dou a tod@s, que diso se trata sempre.
As tres Rs (redución – reutilización – reciclaxe) non nos levan á canella sen sentido que supón SOGAMA, un exemplo desastroso de planificación e xestión que nin a Xunta de Galicia é capaz de negar. Para que nos vai servir unha SOGAMA-2?
Afondar no erro é humano pero non imprescindible. E @s galeg@s podemos evitar volver a equivocarnos, sempre podemos. Dende a Plataforma INCINERADORA NO DEZA NON levamos xa meses aportando as nosas conviccións e os nosos esforzos nese camiño.
Tamén coñezo a un tal Jameson, un americano raro, quizás curmán do do whisky. Resulta curioso oílos falar: un dálle que dálle de mundos utópicos que derivan do desexo de cambiar este no que viven, de debuxar mapas que nos permitan coñecer o que vivimos non vaia ser que nos enganen. E o outro xa podedes imaxinar. O tipo vende whisky.
Pero a cuestión está, para min, moi clara. Teño oportunidade de expresarme. Dicir claramente, como se debe, o que penso. Eu vou ir. E se chove e vai frío, na casa turraremos de paraugas e de chapeu e veña. O domingo non vou ser d@s que se atopan nas esqueiras, d@s que non se sabe se soben ou baixan. Amañeza como amañeza eu e @s m@s estaremos alí.
XOSÉ MANUEL LÓPEZ FERNÁNDEZ
(voceiro da PLATAFORMA INCINERADORA NO DEZA NON)